DIRECTORES E CREADORES DANSE CITA ESTA SEMANA NO CCG PARA ANALIZAR A SITUACIÓN DA ARTE CONTEMPORÁNEA

, 3 de xullo de .- A Sección de Artes Plásticas do Consello da Cultura Galega (CCG) celebrará os días 6, 7, 20 e 21 de xullo un seminario que baixo o título “Arte: identidade e globalización” reunirá na capital galega a algúns dos máis destacados creadores, críticos, teóricos e directores de centros de arte da Península, como Lourdes Fernández, directora de ARCO, Rafael Doctor, director do Museo de Arte Contemporánea de León (MUSAC), o creador Santiago Cirugeda e a crítica Anna María Guasch.

O obxectivo do encontro é analizar o que se está facendo en distintos focos artísticos activos na Península que destacan pola súa situación periférica e pola forte presenza da súa identidade e memoria, como Cataluña, País Vasco, Lisboa e a propia Galicia. Trátase de achegarse a como a arte axuda a entender a tensión e a dialéctica que xorde na actualidade entre o local, o contorno inmediato, e o global, o internacional.

Para achegarse á topografía social, cultural e política que afecta a cada unha destas xeografías, participarán no encontro algúns dos máis activos profesionais do sector, axentes que participan da empresa da creación para explicar a súa experiencia e os seus campos de traballo e investigación. Entre a lista de participantes destaca un amplo abano de responsables de destacados centro de arte. Estarán Lourdes Fernández, directora de ARCO, a feira de referenza de arte contemporánea na Península e unha das máis recoñecidas no ámbito europeo; Rafael Doctor, director do Museo de Arte Contemporánea de León (MUSAC), un dos centros de arte punteiros na actualidade; Juan de Nieves, director do Espai d’Art Contemporani de Castelló (EACC); Pedro G. Romero, director do emerxente Centro das Artes de Sevilla, Nuria Enguita Mayo, directora de Proxectos da Fundació Antoni Tàpies e Pedro Lapa, director do Museo do Chiado (Portugal).

O punto de vista dos creadores estará representado na xornada por recoñecidos creadores cunha longa traxectoria, como Santiago Cirugeda e Francesc Abad, xunto a artistas das novas e puxantes xeracións, como Daniel García Andújar e Toño Barreiro. Con eles, nomes como Manuel Vilariño, Antón Patiño e Fernando José Pereira amosarán a puxanza da arte contemporánea en España. Completan o programa críticos, comisarios e teóricos como Anna María Guasch, unha das máis recoñecidas no ámbito nacional, Nilo Casares, Jesús Rubio, Peio Aguirre, Miguel von Hafe Pérez e Javier Hernando.

O último día de traballo, as xornadas estarán dedicadas a Galicia e serán os creadores, directores e críticos galegos os encargados de amosar as súas inquedanzas e perspectivas propias. Concretamente, estarán Alberto Ruiz de Samaniego, crítico de arte e profesor da Facultade de Belas Artes de Pontevedra; Carme Nogueira, artista visual; Pedro de Llano Neira, crítico de arte e investigador; Silvia Longueira, directora da Fundación Luis Seoane e Manuel Olveira, director do CGAC.

Coa celebración deste encontro, a Sección de Artes Plásticas quere continuar aportando novas perspectivas na formación dos profesionais galegos e novos elementos ao debate da creación actual en Galicia. Así, o seminario está dirixido a creadores, estudantes e investigadores de diversas disciplinas, como a Arquitectura, Belas Artes, Humanidades, Historia de Arte e Deseño.

Share

Drop a comment

Your email address will not be published.