sobremesa de onte foi moi boa desas

PERIFÉRICOS

A sobremesa de onte foi moi boa, desas que non se poden desaproveitar, e as gañas de ir ao curso tampouco eran moitas ou sexa que de novo cheguei tarde perdéndome esta vez a conferencia de Nilo Casares. Unha mágoa porque tiña unha especial curiosidade en ver a súa conferencia. Eu xa coñecía a este crítico a través da súa participación no foro HARTE-L, unha gran idea que ten como obxectivo o intercambio de información de carácter artístico a través da rede pero que últimamente conta con pouquiña actividade.

Cando entrei na sala, Juan Nieves, director do Espai d´Art Contemporani de Castelló, estaba explicando o funcionamento desta institución centrándose especialmente na intervención que Santiago Cirugeda realizara para este edificio envolvéndoo cunha prótese estilo “hi-tech” (o que non me quedou moi claro era se tiña algunha funcionalidade ou era simplemente unha acción estética de maquillaxe arquitectónica). Tamén falou de pasada dese terremoto urbanístico que é Marina D´Or: “Ahora todo el mundo habla de Marina d´Or, ya nadie habla de Oropesa”.

Despois Daniel García Andújar, melena leonera e gafas de pasta, falou dalgúns dos proxectos nos que participou. García Andújar é un artista de tipo Muntadas que reflexiona sobre as problemáticas sociais tendo moi en conta as novas tecnoloxías (é creador por exemplo do portal e-valencia).

Das diferentes actividades que este artista presentou pareceume moi interesante un proxecto que, se non lembro mal, se chamaba I-SAM. Este proxecto consistía nunha hipótetica máquina que se lle daría a aquela xente que pide cartos na rúa para que aquelas persoas que lle quixeran dar limosna pero que non levaran diñeiro solto puidesen cargar a limosna coa súa tarxeta de crédito. Aínda que tiveron ofertas nunca chegaron a construír o prototipo e este proxecto I-SAM funcionou soamente como unha idea virtual ( a min crearíame certo resquemor ético a idea de fabricalo).

De postre deste primeiro día de conferencias tivemos unha mesa redonda que, áinda que tivo pouco que ver coa relación arte-identidade, estivo moi animada. García Andújar lanzou o debate das novas tecnoloxías, no só da ciberarte senón tamén dos medios de información cibernéticos (portais, blogs…). A Hernando non lle convencía moito esta idea, dicía que non chegaban a ter o nivel da prensa escrita e que o que peor lle parecía era que a xente podía criticar sen dar a cara amparándose no anonimato. A cuestión é ben interesante. Imaxino que se ti estás lendo isto estarás recibindo máis información sobre o curso que o que seguramente sairá na prensa escrita (o xornalista vai, saca a foto, está dez minutos e marcha). E ademáis internet da a posiblidade de que xente coma min, que non ten acceso a escribir noutro medio editorial, poidamos estar soltando este rollo patateiro ou zapateiro.

Hernando falaba ademáis do “exceso de información”. Como é investigador seguramente el saberá mellor que ninguén que hai pouquiños tema nos que non haxa “exceso de información”, e tamén me estou refirindo á información impresa de xeito convencional. O que resulta indubidable é que Internet democratiza a expresión de opinións, e esa desconfianza de cara á rede parte dunha desconfianza absurda nas persoas. Todo o mundo pode chegar aquí e deixar un comentario anónimo poñendo a parir o que eu digo (nunca permitiría alusións persoais, nen moito menos descalificacións) e eu téñome que fastidiar porque cando un se expresa nun medio ten que asumir ese risco. Pero o certo é que todos temos un pouco a mandíbula de cristal e nos fode que nos critiquen e o que pasa con internet é que é moi fácil falar en contra dos pensamentos e accións da xente (cousa que probablemente moitas veces fagamos inxustamente). O que tamén deberíamos aprender é a saber calibrar a importancia que ten cada crítica, temos que ter sempre presente que non todas son iguais e que non a todas lles temos que dar a mesma importancia.

Outro tema interesante que saíu na mesa redonda foi a do público que visita os espazos artísticos. Mentras o director do Espai dicía que o dato cuantitivo non lle interesaba, que só era importante para os políticos, que o importante era o cualitivo. O director do MUSAC defendía a importancia que ten o número de persoas que visitan os museos. Supoño que cada quen conta a feira como lle vai nela, pero ao estar a falar de espazos de carácter público o número de visitantes debe ser tido en conta porque o museo ten que aspirar a ter unha forte proxección social (e non estou falando de pagar publicidade nos medios), enraízarse no contexto co que co-habita e participar nel sen complexos (hai que recoñecer que tanto o Espai de Castellón coma o MUSAC de León semellan ser dous bos exemplos disto).

Related Images:

Share

Comments

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *